Lionni, Leo (2004). Frederick. Ilust.do autor, trad. Xosé M. González. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes, [40 pp], (ISBN: 84-8464-502-9).
Descrición do formato e contido: libro ilustrado de 22x30 cm,
con forma rectangular e tapa dura. As ilustración son a dobre páxina con
debuxos sinxelos e cores cálidas. O texto sitúase na parte superior esquerda,
en case todas as páxinas, combinando diálogo e narración. A obra recolle a historia duns ratos que recollían provisións
para o inverno, menos un. Ese era Frederick que semellaba durmir ou permanecer
quedo observando mentres os demais amontoaban alimentos como o resto. El
gardaba os raios de sol, palabras e cores. Todos os ratiños se preguntaban
porqué non os axudaba. Cando chegou o longo inverno e as provisións se foron
acabando decatáronse de que Frederick
tiña razón e non era dabondo con acumular alimentos, senón que tamén é preciso
ter recursos imaxinativos, ilusións, soños e fantasías para superar os
obstáculos que nos presenta a vida.
Potencialidades: con este libro podemos traballar e
potenciar a importancia do traballo cooperativo, que todos somos unha parte
esencial do grupo e que todas as ideas son válidas. Podemos aproveitar esta
lectura para a introdución de actividades cooperativas ou a realización dun
taller co mesmo fin. Outra potencialidade que podemos atopar é o respecto pola
opinión e pensamento dos demais, xa que en todo momento os ratiños, a pesar de non entender, non
menosprezaron as ideas de Frederick. A lectura de Frederick tamén é unha oportunidade de reflexionar sobre o valor da
palabra, a súa capacidade para crear e recrear mundos imaxinarios, para
ilusionarnos ou facernos fortes. Porque imaxinar é unha forma de aprender a
vivir, de soñar con hipóteses de futuro e adquirir confianza en nós mesmos.
Para iso a poesía é un elemento fundamental e que chama a atención dos nenos e
nenas, polo que será un elemento motivador para favorecer a memorización e de
enganche á historia, que quizais lembren moito tempo xunto coa figura de Frederick.
Este libro pode ser un bo acompañante tamén para introducir ou tratar o
coñecemento do contorno e da natureza, concretamente as estacións, entre elas o
inverno e o labor que moitos animais realizan para poder sobrevivir a esta
estación, así como as cores e os elementos que cambian na natureza ao longo do
ano.
Recursos en liña:
Adaptación da obra de Leo Lionni "Frederick", elaborada polos alumnos e alumnas de 6º A de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (Brión). https://youtu.be/uIHWMznWueM (Consultado o 25/02/2018).
Aprender juntos (2016). “Frederick... un ratoncito muy especial”. En Aprender juntos http://www.aprenderjuntos.cl/frederick-leo-lionni/ (consultado o 25/02/2018).
Gutiérrez, María Jesús (2013). Literatura en la Infancia https://granliteraturaenlainfancia.wordpress.com/2013/08/23/frederick-de-leo-lionni/ (Consultado o 25/02/2018).
Solís, Pilar (2015). “Frederick”. Entre letras y fantasías.: http://entreletrasyfantasias.blogspot.com.es/2015/03/frederick.html (Consultado o 25/02/2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario