Heras, Chema (2002). Avós. Ilustr. Rosa Osuna. Pontevedra: Kalandraka, col. demademora, [33 pp.]. (ISBN: 987-84-8464-533-7).
Descrición do formato e contido da obra: Avós é un álbum ilustrado do escritor galego Chema Heras que foi recoñecido con numerosos premios dende a súa publicación. Cunhas dimensións de 22x22 cm e tapa dura, na cuberta presenta a dous anciáns dándose a man, o que nos adianta a trama da historia, ademais doutros elementos como un gatiño. Pola contra, na contracuberta aparece o sol brillando no ceo. Este libro,relátanos a historia dun matrimonio de anciáns. O avó, Manuel, quere levar á avoa, Manuela, a bailar, pero ela négase porque di que é fea e vai vella. Non obstante, o avó convéncea para ir á festa e faille ver o fermosa que é para el. Ao final da historia, a avoa descobre que aínda que xa vai maior, ao igual que o seu marido, son realmente fermosos un para o outro desde a súa mirada chea de amor, aceptando así con naturalidade o paso dos anos. As ilustracións de Rosa Osuna, ademais de posuír unha gran calidade artística, nuns casos son moi coloridas e noutros semella que quedaron sen cor. A información que achegan contribúe ao enriquecemento da historia e acentúan os xogos de cromatismos.
Un elemento que caracteriza a este álbum ilustrado é que conta cun retrouso rimado que lle imprime ritmo, ademais de introducir elementos poéticos para favorecer a memorización e sobre todo a interacción do público máis novo, que pode, durante a lectura, participar dicindo en voz alta este pareado.
Potencialidades educativas: os avós son persoas que forman parte da vida cotiá dunha inmensa porcentaxe de nenos e nenas por iso este conto axudará aos máis cativos a entender como viven no seu día a día os seus avós e tamén as persoas maiores en xeral, facéndolles ver que ata os máis anciáns teñen sentimentos e tamén se senten tristes e pouco seguros de si mesmos algunha vez. Esta fermosa historia introduce ás crianzas nos temas do amor de parella, do amor propio, da vellez e do paso do tempo, facéndoos reflexionar sobre se a beleza permanece ou foxe de nós cando pasan os anos. É unha boa forma de tratar aspectos temáticos ao redor da familia e para recordarlle aos nenos e nenas que dicirlle verbas agradables a calquera persoa que queremos, tanto a novos coma a vellos, axuda a elevar a autoestima e o amor e respecto por un mesmo. É interesante tamén facerlles reflexionar, grazas a esta historia, sobre a importancia de coidar a relación entre os membros da familia e entre a parella para que siga existindo o amor malia o paso do tempo.
Recursos educativos:
Souto Rodríguez, José Javier (2017). “Abuelos”, Primeiraslecturas, en https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/04/abuelos.html (consultado o 23/02/2018).
Vídeo sobre o libro Avós en versión portuguesa: https://www.youtube.com/watch?v=BOQ6ZZydxpg (consultado o 20/02/2018).
Vídeo da representación con bonecos do libro Avós en versión castelán realizada polos alumnos da Universidade de Huelva: https://www.youtube.com/watch?v=G0TysgGKfIM (consultado o 20/02/2018).
O meu grupo e máis eu (Antía, Uxía, Laura, Ilenia, Lara e Iria) queremos dar a coñecer a nosa opinión sobre este libro. Parécenos un conto moi fermoso, que está en relación co noso tema "relacións persoais e co contorno" e que se podería traballar nunha aula de Educación Infantil sen ningunha dificultade, para que os nenos e nenas aprendan a importancia de dar amor, coidar e respectar as persoas maiores. Os avós, son personaxes fundamentais para moitas persoas nas súas vidas, por iso, creo que é un bo tema para traballar en clase, sobre todo para aprender a transmitirlles o moito que valen. Moi bo traballo Sara, gran elección e publicación.
ResponderEliminar