martes, 27 de febreiro de 2018

A nai da nai da miña mamá


                                                           
Schmidt, Alejandra (2014). A nai da nai da miña mamá. Ilustr. María José Olavarría Madariaga. Trad. Charo Baleirón Sóñora. A Coruña: Hércules de Ediciones; [30pp.] (ISBN: 978-84-92715-83-1).
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado en galego, de forma cadrangular (21x21 cm). A cuberta e a contracuberta son de tapa dura. Na cuberta aparece unha imaxe dunha nena cunha bufanda vermella que se une coa contracuberta na que aparece a bisavoa da rapaza. Este libro conta dúas historias, unha empezando pola cuberta (historia dende o punto de vista da rapaza) e outra dende a contracuberta (historia dende o punto de vista da bisavoa). O título aparece en as ambas partes na marxe superior dereita. Na parte inferior dereita amósasenos o nome da editorial e a autoría tanto do texto como das ilustracións. Antes de comezar coa historia podemos ler unhas liñas de Soledad Gómez León nas que se adianta unha breve explicación da historia. As páxinas son finas e suaves con ilustracións que confiren á historia un carácter especial, cheo de sentimentos e emocións que se nos expresan a través dos debuxos da bisavoa e a súa bisneta. Predominan as cores vermellas en moitos detalles da historia e as tonalidades ocres como fondo. O texto aparece de forma conxunta coas ilustracións, ás veces nunha soa folla, outras nas dúas. En canto ao contido da obra, na primeira parte, a nena cóntanos o que fai cando vai visitar á súa bisavoa Memé e como se sinte estando con ela a pesar de que a súa bisavoa non recorde moitas cousas. Por outro lado, a bisavoa Memé cóntanos o feliz que a fai cando a súa bisneta a vai a visitar. Así mesmo, tamén reflexiona sobre a vellez e as súas consecuencias, a perda de persoas ao seu redor, da memoria, etc.


Potencialidades educativas: con este libro sería moi fácil abordar o tema do alzheimer nos maiores para que os nenos/as poidan entender de forma sinxela o que lles pode ocorrer ou lles ocorre aos seus avós ou bisavós. Así mesmo esta historia pode servir para que os alumnos valoren e respeten os seus maiores e se den conta da sorte que teñen por telos.Tamén se poden tratar temas como o paso do tempo, a perda dun familiar ou ser querido, o legado, as raíces e a historia dos nosos maiores, etc. Con isto poderiamos levar a cabo unha serie de actividades nas que os nenos e nenas conten información sobre os seus avós e bisavós, ou mesmo crear unha pequena árbore xenealóxica.
Recursos de interese: 
Nieto, Mireia (2015) "La mamá de la mamá de mi mamá", Tataranietos, en: https://tataranietos.com/2015/03/16/la-mama-de-la-mama-de-mi-mama/ (consultado o 20/02/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario