luns, 26 de febreiro de 2018

Familiario

https://lh5.googleusercontent.com/1dRBhZYucvsAWEfJogpvKFrmIBkRpTemjNVF-qMS1OqpolccOS9r-u1AHpjEQyRjidGI9hOA-UE6RehHwVa_oQeG4u9nioIV-Ydm72KvFwj_H3-Q8CrPkzUBMaXjHIqFuygunMoq

Cerdá Albert, Mar (2014). Familiario. Ilustr. da autora. Barcelona: Comanegra, [38 pp.]. (ISBN: 978-84-16033-42-3).

Breve descrición do formato e contido da obra: libro-xogo con espiral, de forma rectangular, tamaño medio (26x15 cm.) e apaisado. A cuberta e a contracuberta son duras, polo que está encadernado en cartoné. Na cuberta vemos o título do libro en cor azul dentro dunha figura cun fondo amarelo. Tamén podemos observar unha imaxe dunha familia moi grande, na que ningún dos membros son iguais. Esta cuberta está encadrada coma se se tratase dunha imaxe dentro dun marco de fotos, sobre un fondo amarelo claro. Na contracuberta, que ten o mesmo fondo que a cuberta atopamos un resumo e unha reflexión sobre o libro feitos pola editorial. Adentrándonos no libro, nas primeiras páxinas atopamos unha historia entre dous bichos, mentres que o corpo do libro está formado por 15 láminas divididas, á súa vez en catro partes, o que permite combinalas para formar múltiples tipos de familias. Cada lámina ten na páxina anterior escrita a palabra do membro da familia ao que fai referencia (na lámina que eliximos sae a imaxe dunha muller, na páxina anterior poderemos ler, mamá/madrasta/avoa/tía...). En canto ao contido da obra, trátase dun bicho que sae do seu lugar de orixe para coñecer como é o mundo. Cando volve, outro bicho pregúntalle como son os seres humanos ao que lle responde que non hai dúas persoas iguais tanto no físico, na idade… Só son idénticos os xemelgos. Tamén lle explica que viven preto uns dos outros, agrupados en cidades ou vilas e que en cada casa viven un grupo de persoas, ás que lle chaman familias. Estas familias nunca son idénticas nin similares: pode haber un pai, unha nai e un gato, dous pais e un fillo etc. Con este libro poden facer os nenos e nenas 83.521 combinacións de familias. Ao final do libro hai unha páxina só cun fondo dunha habitación, para que os nenos e nenas poidan debuxar as súas propias familias e crear máis combinacións e chegar a formar ata 104.976 familias diferentes.

Potencialidades educativas: esta obra serve para explicarlle aos nenos e nenas que non todas as persoas somos iguais, e polo tanto, ningunha familia vai ser igual, nin vai estar formada do mesmo xeito. Desta maneira, as crianzas entenderán que cada familia é única e especial pero todas teñen en común un elemento: o amor e o cariño que se teñen entre si os membros que as integran. Estes conceptos de diversidade de familias entenderanos dun xeito diferente a través do xogo de interacción e combinación que propicia este libro.

Recursos de interese:

Ningún comentario:

Publicar un comentario