Franz, Joel (2012). Gatiño e a neve. Ilustr. Constanze v. Kitzing, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, [26 pp.], (ISBN: 978-84-8464-807-9).
Descrición do formato e contido: libro ilustrado de 23x16 cm, forma rectangular e capa dura.
Narra a historia dunha coella branca e un gato negro que, aínda que son diferentes, queren xogar xuntos. Inténtano en varias situacións, pero debido á súa cor, non están en igualdade de condicións. Ao final, atopan unha solución e son capaces de divertirse xuntos. Toda a historia está inmersa nunha paisaxe de inverno na que a neve está presente.
As ilustracións a dobre páxina teñen debuxos simples, mentres que o texto,que combina narración e diálogo, aparece na maioría das páxinas, situado nunha beira.
Potencialidades educativas: este libro serve para traballar a diversidade dunha forma lúdica e inconsciente para os máis pequenos. Pode ser de utilidade para ensinarlles aos nenos que ser diferentes non supón unha barreira entre as persoas, senón que existen formas de facer as cousas que poden ser beneficiosas para todas as partes que interveñen nelas. Sería unha historia de grande interese se na propia aula existise unha diversidade de razas ou nacionalidades nas que se puideran apreciar diferentes cores de pel, xa que os nenos se poderían sentir identificados coas personaxes que aparecen nesta historia.
Tamén sería un libro co que se podería traballar no inverno para mostrarlles aos nenos e nenas como é a neve, a roupa de abrigo que levan o gato e a coella para xogar con ela ou cuestións similares; as diferentes actividades que se poden facer coa neve ou ao aire libre e, conciencialos de que non se debe estar todo o día na casa coas novas tecnoloxías ou a televisión para divertirse. O mellor pasatempo é contar cun bo amigo.
Tamén é de salientar a relación de amizade entre dous animais diferentes, que serve como exemplo aos nenos e nenas da importancia de establecer vínculos cos outros rapaces da súa aula, sexan ou non similares a eles.
Recursos de interese:
Un blog de interese polas actividades que ofrece relacionadas co conto é Os piratas da Ría.
http://os-piratas-da-ria.blogspot.com.es/2013/03/facemos-o-inverno-mais-levadeiro.html (Consultado o 22/02/2018)
http://os-piratas-da-ria.blogspot.com.es/2013/03/facemos-o-inverno-mais-levadeiro.html (Consultado o 22/02/2018)
O resumo do conto pódese atopar no Informe de Literatura 2012 (páxina 892):
http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2012/Informe_Literatura_2012.pdf
(Consultado o 22/02/2017)
(Consultado o 22/02/2017)
Ningún comentario:
Publicar un comentario