martes, 1 de maio de 2018

Vacío

Resultado de imagen de vacío


Llenas, Ana ( 2015), Vacío, Alborote: Barbara Fiore Editora, ( +5 anos), [76pp], (ISBN 9788415208723).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de medidas 230 x 280 cm. A súa cuberta dura, imita ó cartón que tan a miúdo usa a autora nas súas ilustracións e que é unha das súas sinais de identidade. Malia ter bastantes páxinas, no interior presenta un breve texto que acompaña ás fermosas ilustracións en forma de collage. Ilustracións que, na maioría dos casos, ocupan ámbalas dúas páxinas -dereita e esquerda- e que cobran todo o protagonismo na obra. Aparece tamén algunha páxina practicamente en branco só cunha pequena frase, para darlle máis énfase ou crear no espectador a expectativa de que pasará na seguinte páxina. Álbum dunha grande plasticidade e beleza que xoga coas cores, identificándoas coas emocións e que nos transportan a eses estados de ánimo só con virar a folla.
A protagonista é Xulia, unha nena cunha vida apracible e feliz que, de súpeto, un día ve como todo muda, ó sufrir unha inesperada perda. A súa perfecta vida tranquila esvaece e ela fica cunha sensación de baleiro no seu interior que non sabe como encher. Un baleiro, que a autora e ilustradora simboliza maxistralmente como un burato que atravesa o peito da nena na cuberta do libro e que continuará debuxado nesta ao longo de toda a historia. Ese oco non fará máis que medrar e medrar, invádeo todo, cada día vai facéndose máis e máis grande e enchéndose tamén de todo tipo de monstros e friaxe, enchéndoa a ela de tristura.


A súa pesadume levaraa a saír na procura de posibilidades para pechalo, tapalo ou borralo para que desapareza e todo volva ser coma antes. Próbao todo: a comida, un novo amor, moitos agasallos... Mais nada funciona e o oco segue aí, medrando e medrando. O desacougo que lle produce comprobar que non existe nada que poida eliminalo para sempre, conduciraa a unha profunda tristura que lle servirá para espertar a unha nova realidade: a solución para encher ese oco non a atopará en nada material, senón que deberá buscar no seu interior, nos mundos marabillosos que alí se agochan. Asumir esa descuberta e acéptala serviralle para poder acadar de novo a felicidade e superar a súa perda. 

Potencialidades: Esta obra ofrécenos unha xenial ferramenta para traballar as emocións cos nenos, dándolles recursos que lles axuden a xestionalas. A vida está chea de encontros, risos, retrincos de felicidade; pero tamén de desencontros, de perdas que provocan en nós un sentimento de baleiro. Sensacións tristes que nun determinado intre nos poden semellar imposibles de superar ou enfrontalas. Para conseguilo deberemos atopar forza no noso interior para acadar de novo a felicidade. A autora, neste fermoso álbum ilustrado, fálanos desa capacidade de sobrepoñerse á adversidade e de poder atopar un sentido o que temos, ou mellor dito o que somos. Convídanos a reflexionar sobre a necesidade de asumir que toda perda produce un baleiro e que por moito que queiramos non o poderemos encher con cousas materiais. Fronte a unha perda deberemos buscar no noso interior, só aí atoparemos as chaves para ser felices, querernos a nós e aos demais. Estamos polo tanto, ante unha obra estupenda para falar de perdas, das emocións que nos provocan e no xeito de asumilas e seguir cara adiante.


Todos temos ou teremos algún día que afrontar unha perda ao longo da nosa vida, teremos un baleiro ou unha vivencia que nos doa e nos marque para sempre. A autora pon de manifesto a importancia do proceso que debemos asumir despois desa perda, da importancia de mirar cara o interior de nós mesmos e non cara fóra, porque aí, acharemos o que nos fai especiais e únicos. O libro non especifica que lle acontece a nena, cal é a súa perda, así que cada lector pode identificarse con ela e atribuír o baleiro á causa que mellor se axuste á súa vivencia persoal. Que nos pasa cando nos sentimos así e o que estamos tentados a facer ou non… Por iso, o mellor desta obra é que non só é para os máis cativos, senón tamén para o público de todas as idades, porque, todos sufrimos algunha vez unha perda que nos provoca unha grande tristura, que non sabemos como xestionar ou superar. Pero tamén algo que nos gusta ou apaixona, que dá sentido á nosa vida. A protagonista descobre a importancia de coñecerse e quererse a ela mesma e iso acercaraa tamén ós demais. A fin o seu baleiro farase cada vez mais pequeno, pero sen chegar a desvanecerse, nunha metáfora de que todo o que vivimos nos marca e muda a nosa esencia. Tamén as perdas deixan unha pegada en nós, que dalgún xeito nos fai especiais e diferentes aos demais. En definitiva, este álbum configura unha ferramenta formidábel para falar das perdas, de pasar o duelo, de como superalo e seguir cara adiante. Nun proceso que nos mudará para sempre, pero que nos fará entender o fermoso que hai dentro de nós e do mundo que nos rodea. Por último sinalar a infinidade de posibilidades artísticas, plásticas e visuais que nos ofrece esta obra: permitiranos traballar cos nenos na produción de manualidades de todo tipo,  personalizar os nosos propios personaxes, crear monicreques ou mesmo collages, axudándonos a profundar no tema das emocións á vez que confeccionamos todo un universo creativo con eles.





















Ningún comentario:

Publicar un comentario