Couto, X. (adapt.) (2000). Gato Guille e
os monstros. Pontevedra: Kalandraka, [33 p.]. (ISBN: 978-84-8464-555-9).
Breve descrición do formato e
do contido da obra: álbum ilustrado de 22 x 22 cm, con encadernación de cartoné. Formado
por 40 páxinas onde Rocío Martínez emprega a técnica do pastel para recrear
personaxes e espazos cheos de dulzura. Tamén xoga coa perspectiva para dar a
sensación de que as estancias da casa son sitios inmensos, tal e como os máis
pequenos perciben a realidade máis inmediata. Con esa impresión de amplitude
medran a intriga, o medo e soidade que invaden a Guille. Pero os ambientes non
chegan a ser ameazantes nin tétricos; hai elementos -xoguetes, roupa, libros-
que lle lembran ao lector que está nun lugar seguro: o fogar.
Gato Guille é incapaz de quedar só
xogando porque atérranlle os ruídos estraños: o aire que entra pola fiestra, a
lavadora, o ascensor, a cisterna que pinga... Calquera son alleo convértese, na
súa imaxinación, nun monstro que pode atacalo. A súa reacción consiste en fuxir
na procura da protección da nai. Mamá Gata é a súa única fonte de seguridade e,
avanzando a historia, o lector comprobará que tamén é a única capaz de
disiparlle os temores. Porque acaba sendo a nai quen se alarme cos ruídos que
previamente atemorizaran a Guille. Daquela o gatiño axudaralle a perder o medo
tomándoa da man e dándolle unha explicación razoable a cada suceso.
Potencialidades educativas: este álbum aborda un tema
interesante e habitual nos nenos: o medo. Mamá Gata é o alterego da autora que,
deste xeito, diríxese aos lectores para transmitirlles que o medo só está na
mente de cada un e que cómpre afrontarlo con decisión para vencelo.
Non falta a particular homenaxe da
autora a Maurice Sendak, autor de “Onde viven os monstros”. Esta obra, editada
por Kalandraka, aparece representada nunha das escenas do libro. Os diferentes
tamaños da tipografía e a disposición dinámica das palabras en cada páxina
logran efectos visuais que enriquecen a narración e a mensaxe do conto:
recursos como as onomatopeas ou o maior tamaño das frases nos momentos nos que
se marcan picos de tensión, contribúen a procurar da historia todo o seu
potencial.
Recursos asociados á obra:
Millon, E. (2013). Vídeo Gato
Guille e os monstros. https://www.youtube.com/watch?v=5TxNfAyYNRE (Consultado 16/03/18).
Guarino, M. (2016). Dramatización
El gato Guille y los monstruos I https://www.youtube.com/watch?v=fvx7uF6M7aE (Consultado 16/03/18).
Kalandraka (2000). Ficha do libro “O
gato Guille e os monstros”. http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/Gato-Guille-G_01.pdf (Consultado 16/03/18).
Ningún comentario:
Publicar un comentario