luns, 30 de abril de 2018

Solidarios e individualistas


Maeso, L. e Mañeru, M. (2003). Solidarios e individualistas. Ilust. Jesús López Pastor. Madrid: LIBSA, col. Cuentos para ser Mejor, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-662-0664-7).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de 24x17 cm de tipo narrativo. A cuberta e a contracuberta son de tapa branda. Na cuberta aparece o título da colección en letras brancas sobre un fondo multicolor como a gama do arco da vella. Debaixo deste aparece o título da obra en cor azul e rosa sobre un fondo rosado que é o ceo da escena principal. Nesta escena aparecen as figuras de dous dos personaxes, esquío Pizca e osiño Darío, xogando a estirar cunha liana e sobre eles hai unha bolboreta. Na portada aparecen outros dous personaxes, o osiño Darío e mofeta Jara xunto aos nomes das editoras e do ilustrador ademais dos títulos da colección e do álbum. Respecto as ilustracións, estas son de carácter figurativo e coloridas. As imaxes destacan pola presenza da natureza e do medio rural. No interior combínanse dúas páxinas formando unha escena conxunta na que aparece un texto en letra máis pequena na que se explica a situación e outro texto cunha letra máis grande e en negriña que relata o máis importante a modo de resumo. Estas escenas vanse alternando para resaltar os dous extremos: a solidariedade e o individualismo. Na escena final o osiño Darío comprende que sendo individualista non se consegue nada e polo contrario se se é solidario existen moitas vantaxes como os amigos. É unha historia lineal que dura todo o verán, durante o cal o Moucho lle vai dando leccións a Darío e aos seus amigos. No que respecta á lingua, o campo semántico está adaptado aos lectores potenciais, facendo referencia a obxectos naturais (árbol, cactus, ...), aos animais (esquíos, osos, ...) e adxectivos variados (raro, divertido, …) ademais do campo semántico antitético protagonista da obra: solidariedade/individualismo.

Potencialidades educativas: esta peza é unha edición que se encontra dentro dunha colección chamada Cuentos para ser Mejor na que se recollen outras obras que tamén contrapoñen termos. A obra permite reflexionar sobre os valores da solidariedade en contraste co individualismo. A lectura pódese complementar coas ilustracións nas que se ven reflectidos os valores previamente presentados. Esta lectura pódese realizar a anacos ao ser un libro relativamente extenso e podendo ler dúas ou tres escenas de cada vez. Por outro lado, é unha obra traducida a diferentes linguas como o galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés, alemán, … e que é recoñecida a nivel internacional. Por último, esta é unha obra didáctica e formativa na que a intención é que os nenos comprendan en que consiste a solidariedade e o seu contrario, o individualismo.

Recursos de interese:
- Curtametraxe de complementación e interiorización da solidariedade:
Catalbify. (2012): “VIDEO SOLIDARIDAD PRIMARIA.avi”. https://youtu.be/xOv40IXXcQE (Consultado o 26/04/2018)
- Curtametraxe de complementación e interiorización da solidariedade:
Jackelineppp1 (2014): “SOLIDARIDAD Y COMPARTIR: VIDEO PARA NIÑOS DE PREESCOLAR”. https://youtu.be/1DIQ7tzP4v8 (Consultado o 26/04/2018)


Ningún comentario:

Publicar un comentario