luns, 30 de abril de 2018

Os tres amigos



Viana, M. (2004). Os tres amigos. Ilust. Xan López Domínguez, trad. Ignacio Chao. Pontevedra: Xerais, col Paseniño. [22 pp.]. (ISBN: 84-9782-153-X).

Breve descrición do formato e contido da obra: Libro ilustrado cunha dimensión de 19x17 cm. As páxinas son de papel normal a excepción da cuberta que é de cartón. Na cuberta, aparecen a fada e a anguía que son dous dos personaxes principais da historia sobre un fondo de cor azul escura. Na contraportada, podemos visualizar todos os títulos da colección e tamén un debuxo dunha anguía que vai aparecer en todas as páxinas impares. Trátase dun libro que mantén a mesma estrutura ao longo do desenvolvemento da obra. Por unha banda, nas páxinas impares atopamos un breve texto, xeralmente dunha ou dúas liñas, que aparece escrito tanto en letra minúscula na parte superior da páxina e en maiúscula na parte inferior e, no centro da mesma atopamos un debuxo dunha anguía que cobra animación ao pasar as follas de corrido. Por outra banda, nas páxinas pares podemos ver diferentes ilustracións que nos axudan a aclarar o contido do texto. Con respecto ao texto, é de tipo poético buscando ao longo da obra a rima que vai ser consonante. En canto ás ilustracións, estas ocupan a totalidade da páxina e están representadas con cores apagadas como diferentes tons de grises, marróns, laranxas, cun maior dominio de azuis a excepción da balea que é de cor vermella, branca e azul sendo estes tres cores os que máis chaman a atención en toda a obra. 


Ao longo das súas páxinas, nárrase a historia dunha fada e dunha anguía que lle gustaba ir ó mar a xogar. Un día, no seu paseo polo mar, atopáronse cun golfiño e fixéronse os tres amigos. Como o golfiño coñecía moi ben o mar, ofreceuse a ensinarlle os diferentes animais e as moreas de cousas que se poden atopar no seu interior. 

Potencialidades: Con este libro favorécese a introdución dos/as nenos/as no xénero da poesía xa que se trata dunha historia que está narrada buscando a rima continuamente, aspecto que lles chama a atención e os/as anima a seguir lendo. Ademais, estamos ante un libro interactivo que ten como obxectivo fomentar o hábito da lectura chamando a atención dos máis pequenos/as cás diferentes imaxes que lle axudan a comprender a historia que se está narrando. En relación á imaxe das páxinas pares, a través da mesma preténdese potenciar, por unha banda, o desenvolvemento cognitivo mediante a experiencia ao poder visualizar por eles/as mesmos/as que a imaxe se move ao pasar as páxinas moi rápido e, por outra banda, a motricidade fina ao practicar esta técnica para poder observar a imaxe moverse. O alumnado pode seleccionar a modalidade de texto que prefira e lles sexa máis sinxelo para ler, ou en minúscula ou en maiúscula, fomentando o desenvolvemento da súa autonomía. A través da historia que se narra, foméntase o valor da amizade xa que divertíndose os tres personaxes descobren os segredos que agocha o fondo mariño. Ademais, introduce aos máis pequenos/as no mundo mariño comezando a ensinarlle os diferentes animais que se poden atopar, como por exemplo, baleas, polbos, etc. A través da obra, podemos traballar diferentes aspectos do currículo, destacando a área de coñecemento do contorno xa que grazas aos tres personaxes podemos coñecer os diferentes elementos que conforman o mundo mariño sendo este parte do seu entorno. Para rematar, hai que destacar o final aberto da historia que axuda a estimular a imaxinación e creatividade dos/as máis pequenos/as ao deixar que eles/as mesmos/as imaxinen outras cousas que se poden encontrar no fondo mariño. Grazas a este final aberto, pódese realizar unha asemblea na aula onde cada un/unha exprese as diversas opinións que teña, axudando a estimular a súa expresión oral. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario