Chaundler, Rachel (2007). Mariluz Avestruz. Ilust. Bernardo Carvalho, trad. Marisa Núñez. Pontevedra: OQO, col. O, [29 pp.]. (ISBN: 978-84-96788-10-7).
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de 25x23 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné. Na cuberta aparece Mariluz Avestruz, a protagonista, no medio da sabana que ocupa case toda a cuberta, o título está situado en letras maiúsculas e brancas dentro do corpo da avestruz. Na parte esquerda, en pequeno aparece o nome do autor e do ilustrador e tamén unha cebra ao fondo da paisaxe. Ademais, Mariluz preséntase mirando cara a súa cola como se a estivera cheirando. Nas gardas móstrase á familia enteira de Mariluz, o pai, a nai, ela e un pequeno paxaro que aparece en todas as páxinas do conto. Na portada aparece o título do conto en letras maiúsculas e negras, o autor, o ilustrador e no medio a protagonista coa cabeza enterrada.
Respecto as ilustracións, estas son de carácter figurativo e coloridas onde se empregan nos fondos tons marróns e azuis para representar as paisaxes da sabana. En todas as páxinas pódese observar a presenza dun pequeno paxaro que, sen mención algunha no texto, tira durante todo o proceso de axuda a Mariluz. Acompáñanse con texto en case todas as páxinas.
Trátase dunha historia na que os protagonistas se sitúan na sabana africana. Mariluz Avestruz, a protagonista, enterra para durmir a súa cabeza na area, pero un día non é capaz de sacala e precisa da axuda dos seus familiares e amigos. A lectura está acompañada dun narrador omnisciente e das voces en forma de diálogo dos diferentes animais que aparecen máis grande e en negriña.
É unha historia lineal e acompasada dun retrouso verbalizado polo narrador cada vez que un dos animais intenta axudar a Mariluz: “patexa, espernexa, abanea a cola e tira… e tira… e tira…, pero a cabeza de Mariluz non se move!”.
No que respecta a lingua, o campo semántico está adaptado aos lectores potenciais, facendo referencia a animais (avestruz, antílopes, cebras), a familia (mamá, papá) e paisaxes naturais (a sabana) o que pode dar xogo para que o alumnado coñeza elementos da sabana que non están ao seu alcance.
Potencialidades educativas: este álbum ilustrado permite, ao final da lectura, a reflexión sobre os valores da solidariedade e o traballo en equipo para axudar a alguén que está nun problema. Axuda a familiarizarse coa paisaxe da sabana e os seus animais, co proceso de coidado dos ovos por parte da familia avestruz, etc.
Ademais este conto serve para que os nenos e nenas saiban e distingan entre as cousas que son importantes e as que non o son co exemplo de Mariluz quen por darlle importancia á súa fermosa cola queda enterrada coa cabeza na area. Mesmo se podería facer unha reflexión sobre a importancia de escoitar os consellos que nos dan e, sobre todo, se son os das nais.
Por outro lado, é un conto traducido a diferentes linguas como o castelán, o éuscaro e o catalán. No ano 2008 foi destacado e recibiu un diploma nos Premios Visual de Deseño de Libros.
Recursos de interese:
- Canción sobre o conto:
Exploradores3a (2011): Mariluz Avestruz Canción https://www.youtube.com/watch?v=ktLO8ZmWTCk (Consultado o 21/04/3018)
- Informe de literatura ano 2007 na páxina 1206:
Observatorio de literatura dende 1995 http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2007/Informe_Literatura_2007.pdf (Consultado o 20/04/2018)
- Análise da obra nun blog de lectura:
Rumbao Rodríguez, Carlos (2017). “Mariluz Avestruz”. En primeiraslecturas https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/03/mariluz-avestruz.html (Consultado o 21/04/2018)
Ningún comentario:
Publicar un comentario