
Besora, Ramón (2017). El conejito que quería un bollito. Ilust. Zuzanna Celej, adap. Juan Kruz Igerabide. Barcelona: Ed. Cast.: Edebé, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-683-3382-3).
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura cunhas dimensións de 24,7 x 24,7 cm. No centro da cuberta aparece o título do libro acompañado do nome dos creadores e un debuxo que nos presenta o protagonista da historia, o coelliño. Este aparece no medio do bosque e vestido cun mandil e un gorro de cociñeiro na cabeza, o que nos adianta información sobre o que vai acontecer na historia. A contracuberta forma unha unidade con esta, pois nela atopamos a continuación das árbores do bosque no que se atopa o coelliño. Esta conta ademais cun breve resumo do libro. Ao abrirmos o libro, observamos as gardas: tanto as primeiras como as últimas mostran o mesmo debuxo, pero disposto de diferente forma. Nas primeiras vemos un rato erguido cun agradable sorriso, mentres que nas últimas o mesmo rato semella fuxir cara ó exterior do álbum. Xa no interior, atopamos un texto poético. Todo el rima entre si e fai que a lectura sexa moito máis fácil, permitindo que os nenos e nenas o lean como se fose unha canción. As ilustracións recrean un bosque acolledor cheo de vida e diversidade no que predominan as tonalidades terra. As imaxes están pintadas con acuarelas e nas que a ilustradora escolleu cores claras para o fondo e máis escuros para os personaxes.
O álbum conta a historia dun coelliño que quería almorzar un boliño, e para facelo non se lle ocorreu mellor idea que contar coa axuda dos seus amigos do bosque. Así pois, saíu da súa cova e tras descubrir que os demais animais tamén queren, colaboran entre todos aportando os distintos ingredientes para a súa realización. O resultado final non pode ser mellor, todos comen e pasan un bo rato.
Potencialidades educativas: esta proposta de Ramón Besora é ideal para introducir os máis pequenos no mundo da lectura. Ofrece un conto musical rimado que conta unha historia divertida que permite tres lecturas diferentes: unha do texto, outra das imaxes e unha terceira de ambos elementos á vez, xogando todas elas coa musicalidade do texto. Traballa tamén o valor do traballo cooperativo para que nenos e nenas comprendan que coa unión de todos xorden resultados moito mellores que coa suma de individuais. Permite tamén o coñecemento dos animais que viven no bosque e os elementos do entorno que os rodea. O libro ten todos os ingredientes precisos: é divertido, conta unha historia sinxela de entender, ten unhas ilustracións bonitas e non é moi largo.
Recursos en liña para a docencia:
- Anika entre libros (2017). Reseña do libro realizada por Ysabel M.: http://www.anikaentrelibros.com/el-conejito-que-queria-un-bollito
- Un abrazo lector, blog de literatura infantil e xuvenil (2017). Reseña do libro feita por José R. Cortés: http://unabrazolector.blogspot.com.es/2017/09/el-conejito-que-queria-un-bollito-de.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario