venres, 27 de abril de 2018

Cantarolas



Miranda, Anisia e Neira Vilas, Xosé (2015). Cantarolas. Ilust. Leandro Lamas. Pontevedra: Kalandraka, 55 pp. (ISBN: 978-84-8464-978-6).

Breve descrición do formato e contido da obra: poemario ilustrado de 15x23,5 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné. Na cuberta aparece o debuxo dunha paisaxe campestre cunha árbore da que colga un casiña de paxaros e un paxaro. Debaixo da árbore encóntranse dúas mulleres que cantan e tocan dous instrumentos, a pandeireta e a guitarra. O título está situado en letras minúsculas e brancas na copa da árbore e por encima del os autores en letras maiúsculas e brancas tamén, mentres que o ilustrador aparece debaixo da casiña de paxaros en letras maiúsculas e negras. As gardas son de cor verde campo. Tanto a cuberta e a contracuberta como as gardas, evocan a importancia da natureza e do medio rural. Na portada aparece o título do conto en letras minúsculas e verdes. Os autores e o ilustrador aparecen debaixo en letras maiúsculas e negras e no centro da portada móstrase o debuxo dunha ra verde. 
Respecto as ilustracións, estas son de carácter figurativo, coloridas e luminosas cun claro carácter alegre. As imaxes destacan pola presenza da natureza e do medio rural. Estas están acompañadas con versos sobre fondos brancos, é dicir, nunha páxina aparece o texto sobre fondo branco e noutra as imaxes.
Trátase dun clásico da literatura infantil galega con cantos e poemas sobre distintas temáticas como a amizade, os xogos, os costumes, os animais, as emocións da infancia, etc. Consta dun total de doce poemas de Anisia Miranda e vinte de Xosé Neira Vilas. Entre eles podemos atopar poemas cos que traballar a solidariedade como “O paspallás e o sol” no que a persoa que conta a historia lle fai un abrigo ao sol para que saia a pasear, “Cantarola dos nenos” onde se fai referencia á amizade entre todos os nenos sen importar de onde veñan o que nos pode axudar a traballar a solidariedade no mundo, “Chove” nel trátase o tema das persoas sen recursos que non teñen abrigo, o que nos pode axudar a pensar sobre a importancia da solidariedade e a axuda ao próximo, entre outros.
No que respecta a lingua, o campo semántico está adaptado aos lectores potenciais, facendo referencia a elementos da natureza como poden ser os animais (ra, bolboreta, cabalo,...), aos fenómenos atmosféricos (chuvia, vento, sol,...) e ás persoas (neno, nena, home, muller,...), entre outros aspecto, o que pode dar xogo para que o alumnado coñeza e amplíe o seu vocabulario. 

Potencialidades educativas: este poemario ilustrado permite que os nenos e nenas se inicien na poesía e na linguaxe poética, nas cancións, ademais de coñecer unha gran cantidade de vocabulario. Poderase traballar a sensibilidade e a musicalidade a través das rimas dos versos. Os pequenos e pequenas terán a oportunidade de recitar poemas e incluso facer os seus propios versos a partir dos poemas do libro. Doutra banda tamén axuda na reflexión da solidariedade, na importancia da natureza e o medio rural. 

Recursos de interese:
Actividade do CEIP A Sangriña para achegar a poesía aos máis pequenos:
Baz Cadilla, Mª José (2015): "Hai unha poesía para ti, cóllea!" https://www.youtube.com/watch?v=-y13lqjQwrM (Consultado o 27/04/2018)

Actividade na que os nenos e nenas do CEIP Quintela recitan o poema de "Cantarola dos nenos":
CEIP Quintela (2016): "Cantarola dos nenos" https://www.youtube.com/watch?v=qjKQb-_1MZ4 (Consultado o 27/04/2018)

Cancións compostas e interpretadas por músicos galegos inspiradas nos poemas:
Fundación Xosé Neira Vilas http://fundacionxoseneiravilas.com/kalandraka/cantarolas.php (Consultado o 25/04/2018)

Canción de Xosé Iglesias sobre o poema "A xoaniña andadeira" que pertence a Cantarolas:
Iglesias, Xosé (2016): "Xoaniña andeira" https://www.youtube.com/watch?v=FPGC8fFIAIE (Consultado o 27/04/2018)

Informe de literatura ano 1995 na páxina 2020: 
Observatorio de literatura dende 1995 http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf1995/Informe_Literatura_1995.pdf (Consultado o 25/04/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario