domingo, 4 de marzo de 2018

Perdido?



Jeffers, Oliver (2005). Perdido?. Ilust. do autor, trad. Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández. China: Patasdepeixe, [38 pp.] (ISBN: 978-84-936842-1-1).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa dura e grosa. A cuberta e a contracuberta compóñense dunha imaxe formando unha única unidade. Na cuberta aparece a imaxe dos protagonistas con dous dos obxectos representativos da obra, o paraugas e a maleta, e cada un deles observa cara ao lado oposto: o pingüín representando o perdido que se atopa e o neno orientándonos e incitándonos a descubrir a historia. As gardas  son de cor azul representando deste xeito a cor do mar e antes da portada podemos atopar unhas segundas gardas onde aparece a imaxe da maleta. Na portada obsérvase a ilustración dos dous protagonistas paseando preto do mar simbolizando o gratificante da súa compaña. Xa no interior preséntanse ilustracións en ambas as caras, algunhas delas formando unha unidade e outras  independentes, acompañadas de pouco texto. Podemos atopar elementos simbólicos coma o movemento, sobre todo naquelas imaxes onde se representan as ondas do mar. Nesta  obra narrativa sobre a amizade, a soidade e a tristeza, nas  ilustracións coloridas predominan os azuis, o branco e o vermello e os personaxes teñen  formas redondeadas, o que lles imprime un aspecto entrañable e tenro. O contido da obra conta que un día calquera na porta da casa dun rapaz aparece un pingüín perdido. O neno ao velo só e triste decide axudalo para devolvelo á súa casa. Primeiro intenta descubrir de onde veñen os pingüíns e despois buscar a formar para devolvelo ao seu fogar. Durante a longa viaxe fanse moi bos amigos e cando chegan ao seu destino despídense para emprender os seus camiños por separado. O neno durante a viaxe de volta dáse conta de que bota de menos o animal e regresa a buscalo.

Potencialidades educativas: con esta obra podemos traballar a amizade xunto cos sentimentos e necesidades dos demais, xa que en todo momento o neno protagonista empatiza co pingüín e non para ata conseguir axudalo. Deste xeito poderiamos explicar o significado da amizade verdadeira. Tamén podemos traballar as segundas oportunidades, arranxar aquelas situacións que ata un momento preciso non nos deramos conta. É unha gran ferramenta para poder traballar as emocións, en especial a soidade e a tristeza, e ser capaces de poñerse no lugar dos demais, intentando axudalos en todo o que estea nas nosas mans.

Recursos de interese: 
Un recurso interesante da obra pode ser a película creada polo StudioAKA. No enlace seguinte atopamos o tráiler da película https://www.youtube.com/watch?v=IwwrrZnmCb0 (visto o 24-02-2018) recollido na conta de Youtube de TheCGBros e nestoutro enlace podemos mercar o filme https://itunes.apple.com/gb/tv-season/lost-and-found/id462247460 (visto o 24-02-2018).

Outro recurso interesante é o vídeo seguinte, que consiste nunha musicalización do conto levada a cabo nun colexio fóra de España e recollido na conta de Youtube de Aníbal Vera https://www.youtube.com/watch?v=0IkC0JFOZok (visto o 24-02-2018).


Por último, existe outra proposta que é unha curtametraxe obra levada a cabo por alumnado da Academia de Ciencias e Artes Cinematográficas do Pobo Rural de Contreras pertencente á Universidade Nacional Autónoma de México recollido na conta de Vimeo pertencente a Pedream https://vimeo.com/6809334 (visto o 24-02-2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario