sábado, 17 de marzo de 2018

Onde perdeu Lúa a risa?


Sánchez, Miriam (2001). ¿Onde perdeu Lúa a risa? Ilust. Federico Fernández. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. demademora, [34 pp.]. (ISBN 84- 8464-071-X).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura e formato de 22x22 cm. Conta con imaxes coloristas e de gran tamaño, que ocupan toda a páxina, coas que o ilustrador pretende contaxiar ao público lector a ansia por resolver o enigma, presente xa n que o propio título da obra, en forma de pregunta e acompañado dun fondo azul-ocre e difuso. Xógase cos elementos principais da obra, como son a referencia de Lúa ao satélite terrestre, pero tamén como nome da nena protagonista, que aparecen na cuberta, xunto co neno que buscará as respostas. A contra cuberta é unha prolongación desta escena inicial. Nela segue a empregar trazos desiguais e unha mestura de tons azuis escuros e claros, nos que non se discirne ningunha figura protagonista, o que provoca un sentimento de incertidume e incentiva o desexo polo descubrimento. As gardas tamén se empregan con esta finalidade de suscitar a atención do lector. Na inicial móstrase unha escada e o mesmo fondo azul xa coñecido por quen está a ler e, na final, esa mesma escaleira é a que destapa o misterio pois móstrase como instrumento para chegar á lúa.
No interior do álbum desenvólvese a historia de Lúa, unha cativa que un día perde a risa e grazas ao empeño de seu irmán Daniel logra recuperala da maneira menos pensada. Os planos ofrecen unha visión frontal do que lles sucede aos personaxes nun lugar e tempo determinados, polo que falamos dun álbum ilustrado narrativo. Aínda que monolingüe en galego neste caso, esta obra foi traducida a outros idiomas como o castelán ou o italiano e foi gañadora de numerosos premios, entre eles o Premio Nacional da Ilustración no ano 2001 e o The White Ravens en Alemaña no 2002.

Potencialidades: Libro de escaso texto no que se apela á atención do público mediante unha serie de preguntas que anuncian o contexto no que se vai desenvolver a historia. Que perdeu Lúa? Onde estará a súa risa? Quen lle axudará a recobrala? A todas estas cuestións conseguiremos dar resposta grazas á axuda de amables animais que non dubidarán en colaborar co irmán da protagonista para que Lúa poida recuperar esa expresión de felicidade tan fundamental. Con este álbum os nenos e nenas poderán descubrir o valor dun sorriso e a ledicia que provoca facer rir. Tamén se pode traballar con eles ao redor das posibles causas de que Lúa non ría. Que motivos poden facer que as persoas non expresen sentimentos tan naturais como a alegría ou que non compartan as as súas emocións? Que pode causar en Lúa esa apatía e falta de respostas ante Daniel? Ao mellor as razóns son de índole persoal, social ou circunstancial, pero hai moitos indicios no álbum que nos levan a pensar nunha lectura atenta que estamos ante unha nena con necesidades especiais e polo tanto que a diversidade é unha realidade que podemos ter moi preto de nós.

Recursos en liña:
El Pozo de los Tres Deseos. Librería Infantil y Juvenil (2009). Teatro “Onde perdeu Lúa a Risahttp://elpozodelostresdeseos.blogspot.com.es/2009/06/teatro-onde-perdeu-lua-risa.html (Recuperado o 13/03/18).

Trafegando Ronseis (2010) Onde perdeu Lúa a risa? https://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2010/02/onde-perdeu-lua-risa.html (Recuperado o 13/03/18).




Ningún comentario:

Publicar un comentario