Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma (2013). Canto te quero, profe!. Ilust. Špela Trobec. Ferrol: Embora, col. A igualdade conta, [26 pp.]. (ISBN: 978-84-92644-50-6).
Breve descrición do formato e contido da obra: libro ilustrado de forma cadrada de 22x22 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné. Na cuberta aparece o título encadrado onde se presentan as letras minúsculas. Debaixo do título aparece Nicolás, protagonista da historia, mirando ao lector. As gardas, tanto a dianteira como a traseira, están resaltadas dun negro azulado frotado levemente con branco. A portada é a mesma imaxe que a cuberta pero co fondo en branco, antes da portada está a folla de créditos.
Respecto ás ilustracións, estas son de carácter simbólico e caricaturescas, potenciando algún elemento dalgunhas das características que describe, por exemplo cando fala do brillo dos ollos da súa nai aparece un debuxo simulando uns ollos, dándolle un protagonismo especial. Ao igual, cando di que unhas grandes mans o suxeitaron aparece el moi pequeno e as mans moi grandes facendo caso omiso das proporcións, xa que se pretende destacar. Por outro lado, utiliza un mix de técnicas e pinturas: usa recortes, debuxos a lapis, óleo e acuarelas. Non obstante, nas ilustracións onde se menciona o profesor só saen partes del como os pés, as mans.... para deixar cabida á imaxinación ata o final que se desvela a súa imaxe.
Nicolás ía asistir por primeira vez ao colexio de maiores e encontra nel diferentes emocións: estaba preocupado, quería chorar, nerviosismo… pero isto cambia grazas a que seus pais lle axudaron e, sobre todo, ao mestre quen lle mostrou un apoio incondicional, mentres que Nicolás fai un percorrido por todos os bos xestos que ten seu mestre cara a el, dado que el relata en primeira persoa as emocións que sente e as que lle transmite o seu profe. Non resulta ser unha historia lineal que conte un suceso, senón que é máis ben un paso por diferentes momentos que son descritos con diferentes letras, ben sexa polo color, porque son diferentes en tamaño ou porque algunhas semellan bailar debido ao movemento. No que respecta a lingua, o campo semántico está adaptado aos lectores potenciais, facendo referencia a feitos que o seu profesor realiza con eles.
Potencialidades educativas: as autoras do libro imparten diferentes cursos e mestrados por Galicia sobre temas da igualdade. Tamén abordan outras problemáticas como o divorcio dos seus pais, o vivir en dúas casas, a violencia, a democracia...
Canto te quero, profe! permite, ao final da lectura, a reflexión sobre os valores e a actitude solidaria que o mestre mostra ao longo da lectura con Nicolás. Polo tanto, permitirá que os máis pequenos se expresen sobre as cousas que máis lles gustan que faga o seu mestre/a. Á parte, o libro deixa lugar á imaxinación porque dá unha serie de datos pero non di se é un home ou muller, se é alto ou pequena, polo tanto serán características que poderán imaxinalas ata ao final.
Por outro lado, permite que empreguen a creatividade para elaborar algunha imaxe usando as diferentes técnicas que amosa a ilustradora. É un libro que se pode ler na casa cos seus familiares para así darlle valor á figura do profesor/a, e servirá para todos aqueles nenos e nenas que van comezar unha nova etapa nun novo colexio.
Recursos de interese:
-Outro libro de interese:
Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma (2013). Teño dúas casas. Ilust. Špela Trobec. Ferrol: Embora, col. A igualdade conta, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-95644-51-3).
-Outro libro de interese:
Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma (2013). A urna dos desexos. Ilust. Špela Trobec. Ferrol: Embora, col. A igualdade conta, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-92644-17-9).
Ningún comentario:
Publicar un comentario