mércores, 2 de maio de 2018

Eu son eu

Casalderrey, Fina (2004). Eu son eu. Ilust. Josep Vicó. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Paseniño, 2, 24pp. (ISBN:84-9782-141-6)

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tipo narrativo, de tapas brandas escrito en galego nun formato de 19x17cm. Cuberta e contracuberta forman unha unidade. Na parte superior da cuberta atopamos o título da obra en maiúsculas e tamaño mediano, e debaixo en letra máis pequena, os nomes dos autores. Tamén aparece unha ilustración grande dunha avoa, unha nena e un gatiño ante unha sopeira con moitas burbullas e un bote de xabón, que están sobre un mantel enriba dunha mesa. Esta avoa aparece desorientada rompendo unha burbulla, mentres a nena a observa con cara desconcerta. Todo un adianto do que vai a acontecer ó longo da historia, na que se presentan moitas preguntas para a pequena. Na contracuberta aparece o gatiño xunto a un pequeno resumo, e todos os libros da colección.  Na unión entre cuberta e contracuberta aparece o nome da colección, o número que corresponde a este libro dentro da mesma e fai referencia a que está escrita en minúsculas e en maiúsculas. Esta obra carece de gardas. Nas páxinas pares aparece sempre o gatiño do que en ningún momento se nos fala del e o texto escrito arriba en minúsculas e abaixo en maiúsculas. Nas páxinas impares aparecen ilustracións a toda páxina con cores vivas sobre un fondo branco. Estas ilustracións son de carácter identificativo. A linguaxe empregada é de carácter descriptivo.

Esta historia é contada por unha nena desperta que explica como a súa bisavoa cada vez fai cousas máis disparatadas, desde que non lembra nada do fai a que incluso non recoñece ós membros da familia, excepto a ela.

Potencialidades educativas: nesta obra reflíctese a importancia das persoas maiores dentro da familia, esas persoas que quedan nun segundo plano e que son os que establecen importantes lazos de unión cos nenos, fixando confidencialidade e complicidade entre eles. A autora transforma a situación dramática da enfermidade do alzheimer nunha cuestión de tenrura entre a bisavoa e a pequena. Unha obra interesante para tratar un tema de actualidade e ó mesmo tempo, tabú para a infancia, pero que pode estar moi presente na casa nos nosos alumnos.

Recursos de interese:
- Míguez, Iria (1996) La figura de los abuelos en la narrativa infantil de Fina Casalderrey. La familia en la literatura infantil y juvenil (239-246 pp)
- Maite Carrasco (2012). Instituto superior de estudios psiscológicos https://www.isep.es/actualidad/a-toda-luz-uniendo-alzheimer-y-educacion-infantil/ (consultado o 23.03.18)



Ningún comentario:

Publicar un comentario