sábado, 7 de abril de 2018

O año que é un porquiño





Lammers, Pim (2018). O año que é un porquiño. Ilust. Milja Praagman. A Coruña: Hércules de Ediciones, [32pp.]. (ISBN:978-84-947770-0-).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura cunhas dimensións de 26,5 x 20,5 centímetros. Na cuberta pódese ver un año branco cun pequeno trevo verde de catro follas na cabeza, apelando directamente ao lector, nun fondo marrón con pinceladas rosas que fan referencia ao barro no que veremos máis tarde que xogan os porcos. A cor das letras xoga co branco dos años e o rosa dos porcos. En canto á tipografía, cambia nos termos "año" e "porquiño" avanzando a problemática coa que nos atoparemos no texto e ao cambio ao que o protagonista presentará. No que se refire á contracuberta, aparece nun fondo azul a figura dun porquiño nas costas mirando unha bolboreta. En canto ás gardas, estas son monocromáticas cun ton rosa que alude ao porquiño. Na portada do libro aparece unha vista que se usará como símbolo e metáfora da transformación que o protagonista sufrirá, anticipando ao lector o que vai pasar dentro da historia. As ilustracións son de continuidade. Nas primeiras páxinas verá o binomio existente entre a forma de vida dos años e os porquiños mediante zonas diferenciadas (as ovellas nas páxinas de esquerda e os porcos na dereita), tonalidades (os porcos no barro marrón e as ovellas na herba verde) e comportamento (mentres que os porcos queren cubrirse de barro, as ovellas teñen unha actitude máis ordenada e tranquila). A historia caracterízase por ilustracións moi simples cun gran contraste cromático. En canto ao texto, caracterízase pola súa brevidade e sinxeleza, xa que se utilizan catro frases curtas nas páxinas para acompañar e orientar a interpretación do lector.



Potencial educativo: esta historia, ademais de ser un elemento lúdico, afecta á educación emocional dos nenos. Comezando co problema dun porco, cuxo exterior é dun año, centrarémonos en valores como a tolerancia, a empatía, a aceptación do ser e do outro mentres abordamos cos nenos o problema da identidade sexual e o bullying dun xeito moi sinxelo e comprensible para a infancia. A través do uso de figuras de animais coñecidas polos nenos motivaremos ao pequeno lector a entrar neste libro e empatizar co personaxe principal. A través do grupo de años e porcos podemos realizar unha lectura crítica cos nenos e nenas na que analizar o comportamento de ambos os grupos cando o año supostamente non actúa de forma esperada e di que é un porquiño. A través deste álbum ilustrado afírmase a aproximación e normalización desde a primeira infancia a un tema moi complexo como a identidade persoal. É importante que os nenos entendan que cada un é o que senten, que hai persoas que nacen nun corpo que non lles corresponde e, como os personaxes do campesiño e do veterinario, deben actuar de acordo co principio de tolerancia e respecto polos outros.

Recursos de interese:
Parécenme de grande interese os seguintes contos relacionados coa temática de  O año que é un porquiño.
  • ·         Kilodavis, Cheryl (2015). Mi princesito. Ilust. Suzanne Desimone. Barcelona: Bellaterra, (32pp.). (IBSN: 978-84-7290701-0-).
  • ·         Walton, Jessia (2017). Ahora me llamo Luisa. Ilust. Dougal MacPherson. Valencia: Algar Editorial, (40pp.). (ISBN: 9788491420521).


1 comentario:

  1. Outra obra que me paréceme moi interesante para traballar estas temáticas é Rojo. Historia de una cera de colores de Michael Hall.

    ResponderEliminar