xoves, 12 de abril de 2018

María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz

María Fumaça (2015). María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz. Ilus. P. Pastor. Vigo: Galaxia, col. Sonárbore. [25 pp.]. (ISBN: 978-84- 9865- 449-3). Acompañado de CD e DVD.
Breve descrición do formato e contido: libro-disco, con CD e DVD, de 21x24 cm, de tipo poético e de tapa dura. Un conxunto de artistas póñenlle letra e música a vinte e catro composicións de autor e mesmo provenientes da tradición do Brasil, Sahara, Galicia... Así, diferentes modalidades lingüísticas déixanse escoitar na alegre e colorida locomotora de vapor María Fumaça, que está disposta a percorrer diferentes paisaxes cos seus vagóns animados por unha festa repleta da sonoridade e afecto que desprenden unhas cancións que seguen os ritmos da muiñeira, rumba, samba, rock... Nelas encóntranse personaxes do imaxinario infantil e o xogo. O humor e non sense sustentan un universo musical tamén animado polas ilustracións de P. Pastor conseguidas con fotografías de obxectos moi insólitos para facer un tren no cal viaxar neste percorrido musical. Nas imaxes moi coloristas, alegres e imaxinativas as vías do tren son o fío condutor das composicións deste álbum. O protagonista que aparece en todas as páxinas é Rui Sío, un neno con parálise cerebral, o que converte o proxecto de María Fumaça nun medio para visibilizar  e  normalizar as persoas con algún tipo de discapacidade.

Potencialidades: este libro conta cun CD e DVD co que completamos o contido recollido no libro. A obra permite reflexionar sobre a multiculturalidade e folclore doutros países: Brasil, Portugal ... Ademais con el podemos iniciar aos nenos na poesía e no coñecemento de idiomas estranxeiros como portugués, inglés… As ilustracións serven de acompañamento aos valores que se pretende traballar cos poemas. Este libro obtivo o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2012.


Recursos de interese:
- Canal de Youtube de Sonárbore no que se recollen as cancións musicadas que aparecen no libro: https://www.youtube.com/user/sonarboretv
- Escola María Fumaça: http://escolamariafumaca.net/site/

1 comentario:

  1. Ola Jonathan! Eu tamén teño este libro e paréceme que a túa proposta está moi ben feita para invitar aos lectores a coñecer esta obra. A música debería ser un medio moi importante para transmitir coñecementos e sen dúbida, esta obra é un moi bo exemplo. Ben elixido.

    ResponderEliminar