luns, 16 de abril de 2018

A tea de araña que todo o apaña



Babarro, Xoán (1998). A tea de araña que todo o apaña. Ilust. Isabel Caruncho. A Coruña: Rodeira, col. Os meus contos favoritos de tren azul, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8349-270-3).

Breve descrición do formato e contido da obra: A tea de araña que todo o apaña é un álbum ilustrado de tamaño 21x20 cm con encadernación en cartoné, é dicir, encadernación de tapa dura. No referente á cuberta, aparece o debuxo dunha araña na súa tea, polo que mostra que a historia vai xirar ao redor desa araña e a súa tea. Na contracuberta pode verse un cadro con flores e algúns dos protagonistas da historia xunto cun pequeno resumo do conto. Tanto na cuberta como na contracuberta, aparece o debuxo da vía dun tren, que fai referencia á colección á que pertence o conto. O título da obra encóntrase na parte central superior. A editorial aparece na parte inferior esquerda. O nome do autor está debaixo do título na parte central superior e o nome da ilustradora na parte inferior central. Tanto a primeira garda como a última teñen o fondo azul con vías de tren debuxadas, o que remite tamén cara á colección á que pertence o conto. Na portada aparecen todos os protagonistas da historia. As páxinas de álbum están compostas por pequenos textos que contan a historia e por imaxes que fan visuais eses textos e os complementan, á vez que axudan aos nenos e nenas a visualizar a historia dunha forma mellor. A historia, contada en terceira persoa, narra a historia dunha tea de araña na que se van quedando atrapados varios animais e que se fan amigos entre eles. Pouco a pouco chegaban os distintos animais e quedaban atrapados, ata que chegou o elefante, que bambeou a tea de araña e liberou a todos os animais que quedaran atrapados. Despois disto, montaron todos no lombo do elefante e foron polo mundo adiante, mentres que a araña quedou sen cea.

Potencialidades educativas: esta obra é moi útil para que os nenos e nenas aprendan sobre a amizade, xa que é un valor moi importante e que deben ter presente nas súas vidas. Ademais, cada animal do que se van facendo amigos son distintos, polo que os nenos e nenas poderán ver que as diferenzas non importan e que non deben deixar a ninguén de lado por non ser coma eles. Deben ser amigos de todos. Ademais disto, na obra aparecen moitos animais dos que se van dicindo os seus nomes e algunha característica deles, polo que a obra é unha fonte de aprendizaxe para os máis pequenos/as. A historia vaise contando cunha rima que fai que quen escoite a historia a entenda mellor e lle chame máis a atención. 

Recursos de interese:

CEIP de Leirado (2017). “A tea de araña que todo o apaña”, Youtube, en: https://www.youtube.com/watch?v=aVC7ZFxP058 (consultado o 04/03/2018). Vídeo de dous nenos que contan a o conto diante de toda a clase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario