mércores, 11 de abril de 2018

A canción do sol


Padullés, Estefanía (2016). A canción do sol. Ilust. da autora. A Coruña: Hércules de Editores, [18 pp.]. (ISBN: 978-84-944396-4-3).

Descrición breve do formato e contido da obra: álbum ilustrado encadernado en cartoné, cunhas dimensións de 32,5 x 22,5 cm. Na cuberta aparecen os dous protagonistas principais da historia: o sol e o galo Perico enriba da súa cabeza. Na parte superior dereita atopamos o título do libro, resaltando a palabra “sol” en maiúsculas e o nome dos creadores na parte inferior dereita. Na contracuberta aparecen unhas ondas azuis con moitos remuíños e un barquiño de papel navegando sobre elas. Podemos observar tamén un breve resumo e os créditos do libro. Cuberta e contracuberta non forman unha unidade, senón que mostran por separado as partes máis importantes da historia. Tanto as primeiras gardas como as últimas son idénticas, pois nelas aparece a modo de espello as mesmas olas da contracuberta máis o barco de papel navegando sobre elas. Xa no interior, preséntasenos un texto dialogado en cor negra sobre un rectángulo sombreado en tonalidades brancos e grises. Ningún dos debuxos son a dobre páxina pero forman unha continuidade. Os personaxes presentan formas redondas que transmiten dozura e tenrura cun toque de humor. Vese tamén a presenza de moitos animais que non se mencionan no texto, pero acentúan a riqueza visual da narración e o simbolismo. As ilustracións están perfiladas cunha liña negra moi fina, e pintadas con témpera.
O álbum conta a historia de Perico, un galo que vive nunha granxa nas montañas. Como todas as mañás era o primeiro en espertar, cantaba para chamar ó sol para que relucise sobre a granxa e todos puidesen realizar as súas tarefas. Mais un día quedou durmido e o sol non apareceu. Disposto a arranxar o problema e coa axuda dos seus compañeiros da granxa, emprende unha viaxe nun barquiño de papel feita por estes co obxectivo de atopar o sol e cantarlle a súa canción. Finalmente decatouse de que o astro saía todos os días aínda que el non lle cantase, só que as veces as nubes impedían que se puidese ver.
Potencialidades educativas: a través desta obra pódense achegar a aula valores como a amizade e a importancia do traballo cooperativo, pois para que o protagonista da historia puidese conseguir o seu propósito precisaba da axuda dos seus amigos. Tamén a importancia de solucionar os problemas, pois os nenos e nenas deben aprender desde curtas idades que teñen que buscar posibles respostas para os contratempos e non frustrarse. Incluso se pode traballar mediante a lectura do álbum o coñecemento dos animais, o hábitat no que viven e as tarefas que realizan no seu día a día.

Recursos en liña para a docencia:
É de especial interese a lectura deste outro álbum da mesma autora, pois a historia que se conta e os valores que se traballan son semellantes:

  • Padullés, Estefanía (2016). El gato Klops. Ilust. da autora. A Coruña: Hércules de Editores, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-92715-77-0).

1 comentario:

  1. É unha proposta interesante posto que aos nenos e nenas lles encanta o tema dos animais e a granxa. Ademáis existen moitas cancións sobre o galo.
    Por outro lado se queres ter máis información e engadilo ao teu punto de recursos de interese, podes encontrar o informe de literatura do ano 2016 da túa obra no seguinte enlace, na páxina 767: http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2016/Informe_Literatura_2016.pdf

    ResponderEliminar