mércores, 7 de marzo de 2018

Unha familia normal



Kulot, Daniela (2011). Unha familia normal. Ilust. da autora, trad. Carlos Heras. Pontevedra: Faktoría K de libros, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-15250-08-1).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tipo narrativo. De 23x30 cm e tapa dura, escrito en lingua galega. Na cuberta aparece o título da obra e os personaxes protagonistas do relato, adiantando o tema a tratar na obra. O fondo da contracuberta é o mesmo que se pode observar na imaxe, pero nela só se atopa un breve resumo do libro.
Nas gardas podemos encontrar distintas manchas da cor da pel dos animais mencionados no relato (crocodilo e xirafa). Na portada atopamos outra vez o título do libro acompañado dunha imaxe que nos achega información sobre o que lle vai acontecer a esta familia. As páxinas están compostas de fondo branco, texto con letras negras e imaxes coloridas, estas últimas nalgunhas ocasións ocupan toda a páxina ou sáense dela, é dicir, o que se denomina rebordamento. A historia é moi doada de ler, xa que as imaxes representan claramente o que está a dicir o texto, este é moi curto e preciso. Outro aspecto a destacar é a presenza de dous personaxes que aparecen en todas as follas deste libro, un caracol e un verme, aínda que aparezan nun segundo plano saen ata na cuberta.  
No referido ao contido da obra, ao inicio atopámonos ante a presentación dos personaxes: un pai, unha nai e dous bebés, o que semella unha familia como outra calquera. Sempre permanecen unidos e máis aínda cando ocorren situacións como as que relata este libro. Esta aventura desarróllase na piscina que eles fixeron para que todos puideran vivir xuntos sen ningún tipo de problema. Unha inesperada avería provoca un gran revuelo do que logran saír grazas ao inxenio e audacia dos dous bebés xirafa e crocodilo, e sobre todo grazas á gran unión desta familia e ao traballo en equipo.

Potencialidades educativas: Este libro é adecuado para traballar con nenos de 4 a 6 anos. A obra serve para explicarlle aos pequenos que non todas as familias son iguais, non todas teñen que corresponderse co modelo tradicional de proxenitores e fillos. Trata temas moi útiles na aula de Infantil como pode ser a aceptación das diferenzas, tolerancia e convivencia; o respeto aos demais, a superación das dificultades e os sentimentos
Os nenos e nenas tamén verán o importante que é estar unidos á súa familia e o importante que é a comunicación e o cooperativismo. Tamén comprenderán que nos momentos difíciles sempre terán aos seus para axudalos. 
Recursos
Ficha técnica da editorial Kalandraka: http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/Una-familia-normal-C_01.pdf (Consultado o 02/03/2018) 
Daniela Kulot (ilustración)- Kalandraka (2013): http://www.kalandraka.com/es/autores/detalle/ficha/kulot/
(Consultado o 07/03/2018)

1 comentario:

  1. Aquí te deixo un recurso dun vídeo por se queres engadir a recursos, onde contan o conto e así poder utilizar as NNTT na aula de infantil.
    -BiblioCPIMondariz (22 de xaneiro de 2014). Unha familia normal [Arquivo do vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=s8y_HkZiVwE


    ResponderEliminar