mércores, 7 de marzo de 2018

Cosmo e a estrela perdida


Resultado de imagen de cosmo e a estrela perdida


Neila, Marcos (2015). Cosmo e a estrela perdida. Ilustr. do autor. A Coruña: Hércules de Ediciones, 60 pp. (ISBN: 978-84-92715-95-4).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura. É unha produción literaria narrativa e o texto atópase nunha soa lingua, o galego. Este texto acompaña ás ilustracións de cada páxina, complementándose así para axudar a imaxinarnos a historia. A obra cóntanos a vida de Cosmo, un ser do espazo que devece polas estrelas. Cada vez que atopa unha que lle gusta moito, recóllea coa súa rede e engádea á súa colección. Un bo día, ao erguerse pola mañá, percátase de que unha das súas estrelas desaparecera. Cosmo emprende unha busca co fin de atopala. No seu rastrexo da estrela, vaise atopando con diversos seres do espazo aos que lles pregunta se viron a súa estrela. Cando Cosmo a atopa decátase  de que a estrela fuxira co fin de encher o oco baleiro que deixara no ceo.
No texto atopamos unha estrutura repetitiva, na que cada vez que o noso protagonista fala cun dos seus coñecidos, este no lle pode axudar e se repite a mesma frase: “Así que Cosmo seguiu a procurar”. Este modo de contar a historia facilita a aprendizaxe da obra para os nenos, ademais de captar mellor a súa atención, facéndoos partícipes da lectura, xa que ao saber  a frase que vai vir, pódena dicir en alto ao mesmo có lector.

Potencialidades educativas: este álbum é axeitado para nenos e nenas a partir dos 4-5 anos. Con este conto podemos traballar dunha maneira moi sinxela a autorrealización, a perda de identidade e a autoestima. A estrela que foxe da casa de Cosmo quere volver ao ceo, xa que é onde ela é feliz e onde sabe que vai brillar con máis forza, enfrontándose desta maneira a Cosmo e facéndolle ver que loitando por realizar o que máis lle gusta é como se vai ver máis bonita.


Recursos atopados: para complementar a obra temos este vídeo, subido á plataforma Youtube, na que o noso protagonista, Cosmo, nos propón un xogo no que deberemos axudalo a contar estrelas. Trátase dun vídeo moi interesante e útil para introducir os nenos e nenas nas habilidades matemáticas dunha maneira divertida, sinxela e moi participativa. https://www.youtube.com/watch?v=wfaKgrmb_y0

1 comentario:

  1. Ola! Aquí che deixo outro recurso en liña que atopei sobre a túa elección:

    Lectura do conto e xogo cun pequeno planetario en busca da Estrela Polar, feito por Escola Infantil de Paredes (CRA Vilaboa): http://aescoladeparedes.blogspot.com.es/2017/02/cosmo-e-estrela-perdida-buscamos.html (consultado o 9 de febreiro de 2018).

    Un saúdo.

    ResponderEliminar