Castaño, Yolanda (2015). Coller
as rendas. Ilust. Díaz, X, Tomás. Galicia: Edicións Xerais de Galicia, col.
Merliño, [40 pp.], (ISBN: 978-84-9914-806-9)
Breve descrición do
formato e contido da obra: álbum ilustrado cun marcado carácter poético de tapa
dura cunhas dimensións de 20x18cm; pertence á colección “Merliño”. O primeiro
que se observa na cuberta é o título pintado cunha cor rechamante e, debaixo, a
un escaravello apoiado no mundo, parece que todo o debuxo está pintado sobre un
cartón. Se lle damos a volta ao conto, na contracuberta, vese a un home sentado
nunha pequena cadeira. Este contempla a un moucho á vez que o debuxa. Xosé
Tomás é o ilustrador que se percibe no reverso do conto, e é quen lle dá vida a
todas as ilustracións do interior. Nas gardas móstranse todos os debuxos a
lapis que semellan estar pegados con cinta adhesiva. En cada páxina existen
dous tipos de imaxes: unha delas é un bocexo a lapis, nunha folla en branco ou
cuadriculada; mentres que, ao lado, hai un debuxo alegre e de cores vivas que
se aproxima á realidade das palabras do poema. Nalgunhas das páxinas pódese ver
o lapis e a goma utilizados para realizar os debuxos.
As estrofas son de marcado carácter musical, describen a situación e as peculiaridades de
diferentes animais que non son moi recoñecibles. As palabras que se atopan na
última páxina mostran que todos os animais que foron citados ao longo do
poemario tiveron que emprender os seus
camiños polo mundo, que tamén se atopa na cuberta. Pódese interpretar que estas
palabras tratan de dar a coñecer a liberdade que os seres vivos necesitan. De
feito, tal como se sinala no Informe de Literatura 2015, Yolanda Castaño “afonda
na importancia de reforzar os valores de respecto á personalidade de cada
individuo”, nun cántico ao respecto das peculiaridades da natureza que
incide en que hai que deixar que cada ser co que se convive continúe a
desenvolver o seu papel no mundo natural; unha clara metáfora da vida, do lugar
que cadaquén ocupa e dos valores a desempeñar que nunca están de máis recordar,
especialmente, nos primeiros anos de formación. Caracterízase pola similitude
na extensión das súas estrofas e a continuidade case musical e dáse a entender
que a finalidade da obra descansa na idea de comprender que na natureza
cadaquén ten o seu deber e que os animais saben o porqué da súa existencia. As
fortemente delineadas ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, 1971)
correspóndense coa marcada personalidade de cada un dos personaxes que
participan en cada poema. O uso das texturas e cores de cartón, a aparición de
imitacións de papeis pertencentes a libretos, a presenza de lapis recentemente
empregados e os pequenos bocexos nas marxes evocan irremediabelmente a escola e
sitúan o lector nun ambiente educativo.
Potencialidades
educativas: con este conto de Yolanda Castaño pódese
traballar a poesía dunha maneira orixinal e divertida. Ademais grazas aos
debuxos alegres e coloridos dáselle sentido ás palabras que están escritas e
permítelles aos máis pequenos/as entender o seu significado. Outra das
potencialidades do libro é aprender a variedade de animais que existen e que
non se lle da tanto valor como a outros. E por último acompañar o remate da
lectura do libro cunha reflexión por parte de todos/as do significado do final
e do que é para eles/as a liberdade.
Recursos
en liña:
Actuación 1ºA realizado polo alumnado do CEIP
San Xosé Obreiro. En https://www.youtube.com/watch?v=NNdadV0fcUc
(Consultado o 10/03/2018).
Outro poemario infantil da mesma escritora:
Castaño, Yolanda e Hermida, Eduardo (2006). Punver. Vigo: Editorial Galaxia, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8288-960-3).
Punver realizado por “arquivos primeirociclo”
https://www.youtube.com/watch?v=w9tlDflpy3Y Data de consulta 10 de marzo de 2018.
Ningún comentario:
Publicar un comentario