xoves, 29 de marzo de 2018

A viaxe de mamá



Ruiz Johnson, Mariana (2016). A viaxe de mamá. Ilustr. da autora, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-992-2).

Breve descrición do formato e contido: libro ilustrado de tapa dura e cunhas dimensións de 22×22 cm. Presenta na cuberta a imaxe dun elefante pai, o seu fillo e o avión ao lonxe onde todo posúe relación co título. A imaxe esténdese ata a contracuberta, onde se pode contemplar un personaxe que aparece no relato pero que non se fala del. Ao abrir o libro atopamos as gardas, que son as nubes entre as que voa o avión, e na portada está a ilustración da nai elefante co seu fillo colocando unhas flores nun recipiente que, como se descubrirá ao ler o texto, ten un vínculo coa parte da historia na que o neno elefante se queixa de que a casa non cheira a rosas. 
As páxinas están encoladas e a letra é de cor negra e predominan as ilustracións en cada folla do conto. As imaxes son animadas, destacan as cores cálidas e vivas que axudan a crear un ambiente familiar e afectivo. As ilustracións son a dobre páxina e  ofrecen máis detalles do que o texto, o que facilita a atención e a recreación mental do conto. A linguaxe empregada é sinxela e usa frases simples. O narrador é  protagonista.
A historia recolle tres protagonistas animais humanizados: nai, pai e fillo. A viaxe da mamá elefante é o fío da historia, mostrando a preparación: facer as maletas, levala ao aeroporto, despedirse, arredor dese acontecemento o fillo queda baixo o coidado do pai. Mentres a nai está ausente, ambos xogan, pensan no que estará a facer a nai, ás veces falan con ela a través do ordenador, almorzan na cama... Finalmente regresa e tráelle ao rapaz obsequios e recordos da viaxe.

Potencialidades educativas: é un bo libro para presentar aos nenos e nenas cando un familiar está a punto de facer unha viaxe, para demostrar que os roles da muller tamén están asociados ao traballo e o home o coidado do fogar e, para darlle seguridade aos rapaces cando o proxenitor non está cerca. É unha obra recomendada para infantes de 3 anos ou máis.

Recursos de interese:

Kalandraka (2016). “Kalandraka”. http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/A-viaxe-de-mama-G.pdf (Consultado 10/03/2018)

Apego y literatura (2016). “Apego y literatura”. http://apegoyliteratura.es/el-viaje-de-mama/  (Consultado 10/03/2018)
Laura (2016). “Literatura respetuosa”. http://literaturarespetuosa.blogspot.com.es/2016/04/resena-album-el-viaje-de-mama.html (Consultado 10/03/2018)

1 comentario: